Caixas solidarias en Vimianzo para Cruz Vermella e Cáritas

Habilitaron tamén unha conta bancaria para doazóns // Este ano non poden celebrar a gala
Solidariedade
Jose Manuel Ramos
Rebeca Veiga, esquerda, Mónica Rodríguez e María Carmen Vázquez, onte no concello vimiancés. Foto: Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo, Cáritas e Cruz Vermella abogan pola colaboración nun ano que non haberá Gala Solidaria por mor da Covid-19. Tampouco visitarán os establecementos as persoas voluntarias destas organizacións, xa que toda prevención “é pouca para frear esta pandemina mundial”, segundo reza o escrito asinado este martes pola alcaldesa, Mónica Rodríguez; a presidenta de Cruz Vermella, Rebeca Veiga e a directora adxunta de Cáritas, María Carmen Vázquez.

Non obstante, son conscientetes de que “está sendo unha etapa con moitas dificultades para todas e todos, non só no ámbito da saúde, senón tamén no edio económico a nivel xeral”. Por iso, inciden na importancia de facer “un pequeno esforzo para axudar aos colectivos máis vunerables nesta pandemia”.

Con tal fin habilitaron o número de conta bancaria ES51 2080 0082 4130 0007 3452 para que as persoas que desexen colaborar poidan facer as respectivas doazóns.

Ademais, tamén habilitarán caixas solidarias para doazóns de alimentos nas igrexas, centros educativos, supermercados, a casa do concello e nas sedes de Cruz Vermella e Cáritas.

A rexedora vimiancesa, Mónica Rodríguez, quere subliñar “a importancia da labor social que realizan día tras días tanto Cruz Vermella como Cáritas” no municipio vimiancés e na súa contorna, e asegura que “agora tócanos dar un pasiño máis nun tempo tan complexo”.

Agradeceu tamén a Rebebeca Veiga e a María Carmen Vázquez “que teñan acudido esta mañá ao concello para coordinar as accións que se levarán a cabo nas vindeiras semanas”. Agradecemento ao que se sumaron tanto a presidenta da Cruz Vermella como a directora de Cáritas.

Hai que lembrar que nos últimos anos ambas organizacións, co apoio municipal e de voluntarios, organizaban unha gala solidaria na casa da cultura de Vimianzo para recadar fondos para as familias máis necesitadas da zona.