Medio Ambiente. Impulsou unha campaña nas redes sociais con vídeos que están protagonizados por veciños que xa forman parte do programa municipal // O reto é contribuir a frear o cambio climático, aforrar custes e obter abono TEXTO J. Ramos

Un beneficio para todos

Reciclaje
Jose Manuel Ramos
Un dos veciños de Camariñas que xa participa no programa de compostaxe municipal. Foto: Amigos da Terra

O Concello de Camariñas puxo en marcha unha singular campaña audiovisual coa fin de captar 200 novas familias para o programa de compostaxe municipal. A iniciativa articulase a redor dunha serie de vídeos que difundirá nas redes sociais e nos que os protagonistas son os propios veciños e veciñas que xa están a compostar.

Xa se publicou en Facebook, Twitter, Youtube, Whatsaap e na web do Concello o primeiro dos cinco pequenos e orixinais vídeos baixo o título Rede Compost da Vida Camariñas. Os participantes en edicións anteriores contan aos espectadores a súa experiencia e convidan a participar aos novos veciños e veciñas.

A concellaría de Medio Ambienta camariñana decidiu poñer en marcha este programa de compostaxe doméstica para impedir que os residuos orgánicos dos fogares que conten cun pequeno terreo cheguen aos contedores de rúa, pechando así o ciclo da materia nas propias casas.

O proxecto, que durará doce meses e está financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, atópase actualmente na primeira fase de difusión e captación de participantes, e da súa coordinación encárgase a Asociación Amigos da Terra.

Preténdese que duascentas novas familias comecen a reducir residuos a partir da implantación do programa e a transformalos en compost para os seus xardíns ous plantas. “Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos á planta, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e, por tanto, freando o cambio climático”, afirma Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente.

Unha vez seleccionadas as 200 familias participantes terá lugar a súa formación e un período de seguimento personalizado por parte das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán aos veciños e veciñas ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso. O interesados en sumarse a esta iniciativa poden inscribirse chamado ao número 981 737004 ou enviando un correo electrónico ao enderezo medioambiente@camarinas.net.

VIMIANZO. O Concello de Camariñas é un dos pioneiros á hora de apostar pola compostaxe caseira na Costa da Morte. Recentemente vén de sumarse tamén a esta iniciativa medioambiental o municipio veciño de Vimianzo, onde queren involucrar a un total de 161 familias.

As interesadas só teñen que solicitar a súa participación a través da web do concello (vimianzo.gal) ou chamar ao 981 716001. O persoal responsable do proxecto porase en contacto cos inscritos para coordinar a entrega dos composteiros e os aireadores. O requisito é dispor dunha parcela de 50 metros cadrados.

Dende o goberno local aseguran que “a idea dun Vimianzo sostible está sempre presente na acción do executivo, pero non será posible sen o compromiso da cidadanía”. Lembran que a compostaxe permite transformar os restos orgánicos en compost de moi alto valor para calquera tipo de plantación, “ademais de reducir drásticamente os quilos de lixo que o concello ten que levar a Sogama e polo que ten un importante custo económico”.