Camariñas limpa o Camiño dos Faros

Sendeirismo
Jose Manuel Ramos
Tramo do Camiño dos Faros ao seu paso pola zona costeira de Camariñas. Foto: C. C.

Camariñas. O Concello comezou os traballos de limpeza do Camiño dos Faros co obxectivo de manter no mellor estado un dos principais focos de atracción turística. O municipio acolle tres etapas das sete que forman o itinerario, e os traballos consistirán no desbroce e limpeza dos camiños, acondicionando a contorna para facelos visibles e accesibles aos usuarios e usuarias.

O goberno local é consciente da importancia que ten para a hostalaría e o comercio da zona, xa que supón unha importante fonte de ingresos, e por iso todos os anos afánase en manter as rutas en perfectas condicións. A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que “para Camariñas o Camiño dos Faros é vital a nivel turístico e económico”.

Ademais, cando rematen os traballos nestes itinerarios, procederase a efectuar a limpeza da Ruta dos Muíños, situada na Ponte do Porto, a cal durante todo o ano é percorrida constantemente tanto polos veciños e veciñas de Camariñas como polos visitantes.