Case sesenta proxectos Leader para a Costa da Morte dende o 2017

Desenvolvemento rural
Jose Manuel Ramos
Unha das imaxes da campaña de promoción impulsada polo GDR Costa da Morte. Foto: GDR

Vimianzo. A Asociación Costa da Morte GDR fixo balance do desenvolvemento do proxecto Leader, ao amparo do cal foron avalados 59 proxectos dende o ano 2017, que xeraron unha inversión acumulada de 8.338.442 € e subvencións por valor de 3.148.311 €. Iniciativas que permitiron consolidar preto de 150 empregos e crear uns 70 novos postos de traballo.

Na convocatoria 2021-2022 presentáronse 16 proxectos produtivos, cunha inversión prevista de 2,6 millóns de euros e un montante de axudas de 707.267 €, cos que se consolidarán 40 empregos e crearanse outros 15.

A maiores, presentáronse seis non produtivos, catro de concellos e dous de asociacións, cun investimento previsto de 95.000 euros.

Na asemblea celebrada este sábado en Baio (Zas) informouse tamén aos socios dos catro proxectos de promoción e animación que se están a levar a cabo este ano. Trátase dunha campaña de difusión de axudas Leader, unhas xornadas online de promoción e sensibilización sobre os menús saudables e sostibles para comedores escolares, e un plan de consolidación da marca Costa da Morte-Terra Atlátnica, ademais dun mapa interactivo do territorio. J. M.