Cee contratará oito peóns con cargo ao Plan de Emprego Local

Os candidatos deberán presentar as solicitudes nun prazo de dez días hábiles contados a partir do 23 de marzo
Pel-Concellos
Jose Manuel Ramos
Os oito operarios encargaránse de acometer obras e servizos municipais en Cee. Foto: Deputación da Coruña

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o anuncio do proceso selectivo para a contratación temporal de oito peóns para a realización de obras e servizos municipais no Concello de Cee. Serán contratados por un período de 7 meses e os custos laborais e de Seguridade Social son asumidos pola Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de Emprego Local (PEL-Concellos), que este ano duplica o seu orzamento co obxecto de contribuír a paliar as consencuencias da pandemia.

Os operarios seleccionados integrarán unha cuadrilla de obras destinada a realizar obras e traballos de reparación, mantemento, acondicionamento e mellora de diversas infraestruturas titularidade municipal coma parques e xardíns, vías públicas ou beirarrúas.

As bases da convocatoria pódense consultar no BOP e as solicitudes tramitaranse a través do Rexistro Xeral do Concello de Cee ou da sede electrónica do Concello (https://sede.cee.gal) no prazo de dez días hábiles contados a partir do 23 de marzo.