Cee elaborará un estudo para revalorizar o mercado de abastos

Queren acadar o selo galego de Excelente // Acordan dedicar unha praza da vila á escritora e mestra local Concha Blanco
Política municipal
Jose Manuel Ramos
Vista da fachada do edificio do mercado municipal de abastos da vila ceense. Foto: ECG

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, informou á Corporación que o Concello elaborará unha diagnose de situación e usos do mercado municipal coa fin de potenciar, promocionar e buscar solucións ás carencias actuais dunha das poucas prazas de abastos que hai na Costa da Morte. Ademais, o reto é acadar o selo de Mercado Excelente que outorga a Xunta.

A diagnose incluirá unha análise do estado actual da edificación, equipamentos e servizos; un estudo de impacto económico actual e potencial; a recollida de opinións por parte dos praceiros e usuarios; a descrición da oferta e da demanda; unha estratexia de optimización e redimensionamento de usos; unha análise e proposta de actuacións de innovación e a avaliación e mellora dos procedementos administrativos.

Os encargados da elaboración do estudo entrevistaranse tamén cos portavoces de todos os grupos para recoller as súas aportacións. Estimase que nun prazo de pouco máis de dous meses esté rematado, co obxectivo de poder optar a fondos europeos para financiar as actuacións que sexan precisas.

Na sesión plenaria, tamén se acordou, por unanimidade, adicar unha praza á mestra e escritora Concha Blanco. Será a da zona axardinada que está detras do mercado de abastos. A alcaldesa asegurou que “constitúe unha das máis valiosas achegas á nosa construción cultural, ao que hai que engadirlle a súa gran calidade humana”. Todos os portavoces coincidiron á hora de ensalzar á escritora.

A Corporación tamén deu o visto e prace ás bases para licitar o servizo de recollida de residuos urbanos, logo de que fosen rexeitadas dúas veces. A aprobación foi posible tras incorporar as propostas de todos os grupos e do acordo acadado polo goberno (PSOE) cos edís do PP.

Dende a oposición interesáronse pola situación das traballadoras do servizo de limpeza de edificios municipais, que están a sufrir atrasos no cobro das súas nóminas. A rexedora sinalou que cobraron o salario de xaneiro a finais de mes e “agora barallamos a opción de cesión da concesión a outra empresa ata que se licite de novo o servizo”. Margarita Lamela asegura que xa traballan nesta vía porque “é a solución máis rápida e segura”.