Cee tenta dar resposta aos dependentes sen servizo

Hai máis de 45 persoas en lista de agarda // A alcaldesa di que é necesario outro orzamento
Política municipal
Jose Manuel Ramos
Momento dunha sesión plenaria anterior da Corporación de Cee. Foto: J. M. R.

A lista de agarda con máis de 45 persoas á espera de contar co Servizo de Axuda no Fogar (SAF) centrou boa parte do debate no último pleno celebrado en Cee.

Dende o PP, o seu portavoz, Antonio Domínguez, asegurou que descoñecían o dato e sinalou que é “unha vergoña que non haxa unha partida suficiente para este servizo”, engandido que “isto demostra que para o goberno local (PSOE) os servizos sociais non son unha prioridade”.

Di non entender “como a alcaldesa pode durmir” con esta situación, e asegura que “móbese de marabilla nas redes sociais, pero o importante non o resolve”.

Pola súa banda, a rexedora, Margarita Lamela, afirma que o orzamento xa se ampliou en 60.000 euros pero “para acabar ca lista de agarda fan falta máis de 700.000 €, e están orzamentados 450.000”. A única solución, engade, “é aprobar outros presupostos e sacar cartos doutras partidas”. Por iso, en decembro convocará unha comisión para tratar de negociar cos grupos da oposición, que son maioría, un novo orzamento para Cee.

Na sesión tamén se acordou desestimar as alegacións presentadas polo Arcebispado de Santiago e declarar a nulidade do convenio asinado co Concello no ano 2002 polo pavillón de Brens. O expediente será remitido ao Consello Consultivo para que dictamine sobre o mesmo.

Neste punto, os representantes da oposición non interviron, e a alcaldesa, sinalou ao respecto a este xornal que “non consta ningún informe técnico que, con posterioridade á ampliación do primeiro convenio, do ano 2001, indique se este se cumpriu ou non”. Non obstante, engadiu, “no actual informe técnico do Concello si se constata que o referido convenio de 2001 se cumpriu, e que o posterior, do 2002, é de contido imposible”.

Margarita Lamela pregúntase “por que non se comprobou que se cumprira o de 2001 e por que se firmou o de 2002 xunto cun aval por parte do Concello?”. Na documentación presentada polo Arcebispado, engadiu, “consta un informe do señor Domíngez -daquela alcalde de Cee- solicitando a renovación do convenio en 2003, no que se di que a elaboración do proxecto das normas urbanísticas o está realizando un técnico do Arcebispado”.

Por outra banda, o PP tamén preguntou pola situación de parálise das licenzas de obras “pois fálase de que hai máis de 700 á espera de ser resoltas”.

Dende o BNG, o seu portavoz Serxio Domínguez, interesouse pola situación de varios traballadores e traballadoras dos servizos de limpeza e de recollida do lixo. Segundo a alcaldesa, os problemas están solucionados. Tamén pediu ao goberno que actúe para evitar maiores desperfectos nunha vivenda que, segundo os nacionalistas, están provocados polo uso que fai un camión de gran tonelaxe dunha rúa estreita para dar servizo a unha carnicería.

Asemade, dende o BNG calificaron de “gasto inútil e innecesario” a compra de equipos de desinfección por parte do Concello con motivo da pandemia do COVID, “pois agora tívose que recorrer aos servizos dunha empresa especializada para facer estes traballos, e dos tres aparatos comprados só se usa un”.