Chamada de Mar de Fábula para recoller lixo no coído do Corno de Camariñas

Medio Ambiente
Jose Manuel Ramos
Coído do Corno, situado na entrada da ría de Camariñas. Foto: Mar de Fábula

Camariñas. A asociación Mar de Fábula fai un chamamento á veciñanza de Camariñas e a voluntarios dispostos a botar unha man para que o sábado, 8 de maio, acudan ao coído do Corno, en Camariñas, para retirar “o lixo plástico da colleita de inverno que o Atlántico tennos devolto en bandexa”, asegura Xosé Manuel Barros, portavoz do colectivo.

Están citados para as 11.00 horas na estrada que leva ao cabo Vilán, no desvío cara a Reira. As prazas son limitadas, polas medidas de protección do COVID, e cubriranse por orde de inscrición no correo info@mardefabula.es ou chamando ao número 608 609042. Hai que levar máscaras e luvas de traballo.

Contarán co apoio loxístico do Concello de Camariñas, e esta nova acción ambiental está integrada no proxecto Augas Limpas na ría de Camariñas, iniciativa coordinada, na outra banda da ría, coa Asociación Xuvenil Comarea, de Muxía. J. M. R.