Compromiso co demandado porto mixto de Corcubión

Mar
Jose Manuel Ramos
Vista de Corcubión e da zona portuaria da vila. Foto: Concello de Corcubión

Corcubión. A Consellería do Mar mantén o seu compromiso coa creación dun porto mixto para pesca de baixura e náutica de recreo en Corcubión, segundo ratificou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, en sede parlamentaria. Lembrou que se vén de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto, que conta cun orzamento de 130.000 euros.

Este contrato abrangue o deseño da solución técnica para a mellora do abrigo e a dotación de amarres para a flota pesqueira e náutica, estudando distintas solucións construtivas (diques de coieira, verticais, aboiantes ou pantallas). Tamén abordará en profundidade os aspectos ambientais prestando especial atención ás posibles afectacións aos recursos mariños e á dinámica litoral.

“A día de hoxe, Portos de Galicia segue a traballar na solución técnica e ambientalmente sostible que permita mellorar o abrigo no porto de Corcubión a través da construción dunha nova dársena abrigada que albergue as instalacións de atracada”, subliñou Susana Lenguas.

Pola súa banda, o deputado do BNG, Daniel Pérez, lembrou ao Executivo galego que esta infraestrutura “é vital para o desenvolvemento da vila e a comarca, máis tamén en termos de seguridade”. Por iso, lamentou que a presidenta de Portos non comprometese prazos que, segundo os cálculos dos nacionalistas, estiman en alomenos cinco anos para que sexa realidade o futuro porto mixto. J. M. R.