Concursos virtuais sobre anécdotas da Fundación Fernando Blanco de Cee

Cultura
Jose Manuel Ramos
Lista de xornais pagados pola fundación para que os concursantes poidan obter información

Cee. A Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee puxo en marcha este sábado o primeiro de varios concursos que fará na súa páxina de Facebook https://www.facebook.com/fundacionfernandoblanco/. Os certames estarán centrados en cuestións anecdóticas ou curiosas da entidade ao longo da súa historia. Este primeiro concurso estará aberto ata o sábado 6 de febreiro ás 12.00 horas. O gañador ou gañadora será o que máis se aproxime, sen pasarse, á cifra exacta da resposta.

A pregunta está relacionada con salarios. A Fundación Fernando Blanco, ademáis dos traballadores que tiña fixos en plantilla (profesores, bedeis, administrativos, etc), daba traballo, de forma puntual, a outros profesionais segundo as necesidades de cada momento. E así, a cuestión a resolver será cal foi a cantidade que se pagou a 14 persoas que traballaron de forma puntual para a mesma na semana do 17 ao 23 de xullo de 1892. Para elo, apórtase o documento dos xornais pagados nesa semana concreta, no que aparece a relación dos traballadores, a súa profesión, e as xornadas traballadas e borrando, loxicamente, os importes recibidos.

O premio deste primeiro concurso será triple. Consistirá nun exemplar da novela O Octopus de Tinuco e outro da novela La muerte del indiano Felipe, ambas de Benjamín Sande Rodríguez, ex-alumno da Fundación Fernando Blanco e natural de Cee, así como unha reproducción dunha acuarela do Instituto Fernando Blanco realizada polo pintor chileno Luís Guillermo Guerra Aguilera.