Confirmado o respaldo provincial ás mostras do encaixe e da olería

A Deputación reserva nos seus orzamentos de 2022 achegas por valor de 200.000 €
Artesanía
Jose Manuel Ramos
O presidente da Deputación, Valentín González, seguindo un dos desfiles da última edición da Mostra do Encaixe. Foto: D. C.

Camariñas. A Deputación da Coruña reserva, nos seus orzamentos de 2022, achegas por importe de 200.000 euros para financiar dúas citas clave da artesanía nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte e de referencia no seu eido en toda a provincia: A Mostra do Encaixe de Camariñas e a Mostra da Olería de Buño, en Malpica.

No caso da feira do encaixe, a Deputación, ademais de manter o apelido da institución provincial outro ano máis, destínase unha partida de 120.000 euros para axudar a sufragar os gastos da celebración deste evento, que volve ás súas datas tradicionais de celebración durante a Semana Santa e que terá lugar do 13 ao 17 de abril do ano 2022. Será a súa edición número trinta e un afianzando a súa aposta pola tradición das puntillas fusionada coa vangarda das pasarelas de moda.

Para a Mostra de Olería de Buño, que alcanzará en 2022 a súa cita número trinta e oito, destinan 80.000 euros coa finalidade de manter un evento no que o protagonismo é para os artesáns e artesás oleiros que manteñen vivo este oficio en Buño, sinónimo de tradición oleira en Galicia. Un ano máis, a Mostra contará con postos de venda, exposicións permanentes e demostracións en vivo.

O obxectivo é dobre: respaldar a economía e o turismo e manter a tradición. J. m. R.