Contos, conferencias e música para pechar o Mes da Fundación en Cee

Cultura
Jose Manuel Ramos
Caxoto Contacontos durante a súa actuación en Cee. Foto: Fundación Fernando Blanco

Alumnos de 3º e 4º de Primaria do CPR Manuela Rial, de Cee, e usuarios da Asociación Aspadex desfrutaron este mércores dos Contos de medo que deixan durmir, de Caxoto Contacontos. Unha cita enmarcada nas actividades de O Mes da Fundación Fernando Blanco, que terá continuidade o venres 29 na Casa da Cultura coa conferencia Mindfulness e regulación emocional a cargo dos psicólogos Juan Carlos Permuy e Belén Montesa, dirixida a alumnado de 4º da ESO do IES Agra de Raíces.

O sábado 30, ás 20.30 horas, pecharase o programa o concerto comentado Música e emoción. Dúas pólas da mesma árbore de Xabier Díaz. A entrada é de balde ata completar aforo. Para asegurar butaca pódese chamar ao 981 747221 ou ben facelo presencialmente no Museo Fernando Blanco de Cee.