Corcubión acometerá coas axudas do POS a reforma e rehabilitación da rúa Doctor Fleming

Rehabilitación
Javier Salutregui

Corcubión. O alcalde de Corcubión, Manuel Insua, e o portavoz do BNG, Lois Lado, mantiveron unha xuntanza para estudar as alternativas de investimento do POS 2022. Finalmente decidiuse reformar totalmente a rúa Doctor Fleming.

“Estamos satisfeitos coa acollida da nosa proposta de rehabilitar integramente a rúa doutor Fleming co financiamento do POS 2022, ao igual que os veciños e veciñas que por fin verán a estrada sen piche e se esquecerán dos continuos remendos”, manifestou Lado.

Con todo, o concelleiro amosou a súa preocupación pola lentitude dos proxectos aprovados. “A impresión é que o goberno local ou está desbordado, sen capacidade para executar os acordos aos que chegamos, ou simplemente están desganados e pasan de todo. Hai unha partida de cartos para adquirir a parcela do Trancho en Santa Isabel, e desde maio non temos noticias”.

Por último, o edil apuntou que coas partidas do remanente destinaron case 35.000 euros á Fase II da rehabilitación de Agra de Ribeira, pero as obras da Fase I aínda están sen adxudicar, e advirte que “acabarán facendo as obras no verán”. J. S.