Corcubión investirá neste ano 660.000 euros en obras

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Vista del paseo marítimo de Corcubión. Foto: Concello de Corcubión

O Concello de Corcubión vai executar no ano 2021 obras por un valor estimado de 660.000 euros, dos cales 260.000 € serán de fondos propios e o resto aportados por outras administracións, “especialmente plans da Deputación da Coruña, o IDAE e, en menor medida, da Xunta de Galicia”, afirma o tenente de alcalde José Antonio Louro.

Algúns dos proxectos xa foron executados, como é o caso da renovación de parte do alumeado público, a substitución de fiestras no mercado municipal, a mellora de diversos camiños rurais, e a dotación de beirarrúas, saneamento e urbanización das rúas Médico Vicente Fraguela e Pepe Miñones.

Ao longo deste ano executaranse ou licitaranse os proxectos de saneamento no Camiño do Carro e a subida ao Vilar, a reurbanización da praza Agra da Ribeira, a reparación do asfalto na urbanización de Quenxe, a mellora da iluminación no Vilar, a rehabilitación de instalacións deportivas, a adquisición de terreos para aparcamentos, a humanización de rúas con novo mobiliario e elementos de protección, a melloras das fosas sépticas na parroquia de Redonda e o saneamento e urbanización da rúa Rego da Auga.

Dende o goberno local que preside Manuel Insua consideran que “para un Concello de menos de 2.000 habitantes, coma o noso, é un gran éxito ser capaces de mobilizar tal cantidade de recursos, especialmente para saneamento, urbanización de rúas e prazas ou eficiencia enerxética”. A todo iso hai que sumar 1 millón de euros que está a investir a Deputación na senda peonil ata o faro.