Dende o día 1 de setembro sumáronse ao servizo 35 familias dos dez concellos que o impulsaron // Estiman en máis dun cento os nenos con necesidades especiais na zona // Habilitaron dous centros asistenciais en O Ézaro e Vimianzo TEXTO J. Ramos

Costa da Morte conta xa coa demandada atención temperá

Servicios Sociales
Jose Manuel Ramos
Evaristo Lema, presidente de Aspadex, esquerda; José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría, e Concha Seoane, directora de Aspadex. Foto: J. M.

Despois de meses de traballo e de superar os atrancos da pandemia, onte presentouse oficialmente o demandado e esperado Servizo de Atención Temperá (SAT) da Costa da Morte, que está operativo dende o pasado 1 de setembro e do cal xa reciben apoio 35 familias.

Tratáse dun novo servizo dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos que pretende dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar así a súa autonomía persoal e a inclusión social.

A posta en marcha foi posible grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia, e o servizo dará cobertura a familias de dez concellos: Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Mazaricos, Vimianzo e Zas. A xestión foi adxudicada a Asociación Aspadex, e do día a día encargase un equipo formado por tres especialistas: Inmaculada Giráldez, terapeuta ocupacional, que exerce de coordinadora; Inma Fariña, logopeda e Sonia Lires, psicóloga.

Ademais foron habilitados dous centros de atención, un no Ézaro (Dumbría) e outro en Vimianzo. Neste último celebrouse onte o acto de presentación e unha xornada de portas abertas para dar a coñecer as súas instalacións. Participaron alcaldes, concelleiros e técnicos dos distintos departamentos de servizos sociais, entre outros.

O alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, sinalou que o servizo tiña que poñerse en marcha no mes de maio pero, debido á situación sanitaria, demorouse toda a xestión. A subvención concedida pola Xunta ten carácter anual e o prazo de vigor remata en outubro, polo que, á espera da concesión da correspondente a 2021, o Concello de Dumbría, que foi quen a solicitou, adiantará os fondos necesarios “pois non podemos cortar agora un servizo que acaba de arrancar á espera de que cheguen os cartos”, sinalou Pequeño, quen amosou o seu desexo de que “teñamos éxito polo ben dos nosos veciños e veciñas”.

A directora de Aspadex, Concha Seoane, señaló que este é un proxecto “muy necesario y deseado”, e sinalou que un dos pasos máis difícis foi seleccionar aos profesionais, para o cal recibiron candidaturas incluso desde Cataluña e Madrid.

O presidente de Aspadex, Evaristo Lema, agradeceu a implicación dos concellos e do persoal de servizos sociais para poñer en marcha este servizo que “busca mejorar la calidad de vida de las personas con necesidades especiales”, afirmou.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou a importancia de dar esta cobertura aso nenos e nenas e ás súas familias, e subliñou que “a colaboración entre os dez concellos foi indispensable, e amosa a implicación de toda a Costa da Morte neste eido”.

O seu homólogo de Muxía, Iago Toba, resaltou o feito de que “continuamos ampliando servizos fundamentais para a nosa sociedade, e aumentamos a cobertura para que as nenas e nenos gocen da atención que necesitan”. Lembrou tamén que “esta é unha competencia que debería asumir a Xunta e que os concellos precisamos de axudas para facer fronte de maneira óptima á prestación de servizos”.