Críticas dos populares aos socialistas pola “inoperancia” da asociación de turismo

Turismo
Jose Manuel Ramos
Alcaldes e concelleiros do PP de Costa da Morte cos responsables provinciais, logo da xuntanza comarcal celebrada en Laxe. Foto: PP

Laxe. Os representantes do PP da Costa da Morte fixeron pública, logo dunha xuntanza comarcal co presidente provincial, Diego Calvo, o seu malestar pola “inacción e deixadez” dos socialistas na Asociación de Turismo Costa da Morte (CMAT), que é o ente xestor do xeodestino.

Califican de “irresponsable” a xestión do presidente do colectivo, o alcalde de Muxía, Iago Toba, e din que a súa labor “está a ser moi perxudicial para un sector, o da hostalaría e o turismo, moi tocado durante o último ano”. Aseguran que se están deixando de lado “moitos proxectos vitais para a nosa comarca, pois o alcalde de Muxía nin sequera se preocupa de pagar ás empresas colaboradoras para dar saída a iniciativas pendentes que serían moi importantes para a recuperación económica que temos por diante”.

A este respecto, o rexedor muxián, Iago Toba, lamenta que “se esté facendo un uso político da CMAT, algo nunca visto”, e dílle aos populares que “hai outros medios para comunicar ese malestar”. Ademais, lembra que a asociación está formada por unha xunta directiva e “se algo funciona mal, o vicepresidente, que é o alcalde da Laracha e do PP, debería alertar diso e propoñer alternativas”.

Ante esta situación, Toba ten previsto reunirse cos alcaldes socialistas “como aludidos polo PP” e tamén coa xunta directiva para abordar estas discrepancias. Respecto á homologación do Camiño dos Faros, que dende o PP din apoiar, o alcalde muxián lembra que “o proxecto está paralizado pola Xunta”. J. M.