Críticas pola falta de puntos e o horario de mañá dos plenos de Vimianzo

Os cinco concelleiros de Adiante decidiron non asistir á sesión ordinaria deste mes
Política municipal
Jose Manuel Ramos
Momento dunha sesión plenaria anterior da Corporación vimiancesa. Foto: Concello de Vimianzo

Vimianzo. Os cinco concelleiros e concelleiras de Adiante Vimianzo decidiron non asistir ao pleno ordinario celebrado este venres para mostrar, desta forma, “o desacordo co xeito de proceder do goberno municipal deste órgano”. Concretamente, critican que “unha vez máis, era un pleno sen ningún punto na orde do día máis que a aprobación da acta da sesión anterior” e tamén o horario no que se veñen celebrando as sesións desde o mes de maio de 2020, ás 9.00 horas.

Respecto á primeira queixa, sinalan que “a convocatoria de plenos baleiros de contido está sendo habitual nesta lexislatura”. Consideran que é “unha falta de respecto para a corporación municipal e, sobre todo, para a veciñanza de Vimianzo”. Aseguran que “o labor da oposición non é ir quentar unha cadeira para cobrar a asistencia, senón que é exercer o control dun goberno, canto máis se se trata dun executivo en minoría”.

Por outra banda, lembran que a corporación acordara, por unanimidade, que as sesións plenarias se celebrarían o último venres de mes ás 20.00 horas, pero desde o pasado ano, “por decisión unilateral da alcaldía, sen consulta previa, nin ningún tipo de consenso cos grupos da oposición, cambiouse o horario das sesións para as 9.00 horas”. Sinalan que este horario “impide compatibilizar as obrigas laborais dos membros da corporación coas que temos como representantes públicos, o que supón un claro prexuízo para os concelleiros da oposición”. J. M. RAMOS