Críticas do BNG ao goberno de Corcubión por non solicitar fondos europeos

Política municipal
Jose Manuel Ramos
Casa consistorial de Corcubión. Foto: Concello de Corcubión

COSTA DA MORTE. O BNG de Corcubión critica ao goberno local por non presentar ningún proxecto para solicitar fondos europeos. Así llo confirmou o alcalde, Manuel Ïnsua (PSOE), no transcurso das comisión informativas. Os nacionalistas consideran “moi grave o desinterese mostrado, perdéndose a oportunidade de que cheguen fondos de recuperación ao noso pobo”. A este respecto, o portavoz do Bloque, Lois Lado, manifestou que “é difícil de cualificar a desidia existente na equipa de goberno local, desaproveitando a primeira ocasión para traer fondos europeos”. Di non entender como é posible que “non se teñan proxectos esbozados ou preparados para estas axudas das que sabemos delas hai meses, con todo o que nos queda por facer, por exemplo, en saneamento ou en mellorar a pésima cobertura de internet en todo o casco histórico”. Considera que o alcalde perdeu “unha oportunidade de defender os intereses dos veciños”. J. M. R.