Cultura, deporte e espectáculos con MuxiUP, súbeste a nosa aventura?

Exposicións, unha semana de actividades urbanas, xincanas e exhibicións de baile, entre as novidosas propostas para este verán en Muxía
Actividades lúdicas
Jose Manuel Ramos
No mes de xullo haberá rutas guiadas, unha delas pola contorna das Caldeiras do Castro. Foto: Concello de Muxía

Muxía. Achégase o verán e na vila da Barca preguntan: MuxiUP, súbeste a nosa aventura?. Os que acepten o reto poderán desfrutar de actividades culturais, deportivas e espectáculos para todos os públicos.

Os actos comezaron o sábado coa presentación do libro Lugar de incendios, e no programa destaca entre as novidades a Week Muxía Cultura Urbana, que se celebrará do 9 ao 15 de agosto, e que incluirá unha rampa de skate libre e obradoiros desta modalidade deportiva, unha pista Water Slide e un obradoiro de graffiti. Ademais, en agosto, o día 9, recibirán na vila da Barca a caravana arriera da Vía Mariana.

Haberá unha Mostra de Artesanía local, que se inaugurará o día 15 de xuño na zona do porto, e complementarase coas exposicións El conocimiento en el Camino, que se recepcionará o 26 de xuño no Multiusos da Camposa; Obra de Gervasio Sar, do artista muxián que lle da nome; Recordos artísticos de Yoshiro Tachibana, que se inaugurará o 26 de xullo na Casa das Beiras, e As nosas palilleiras. Arte entre mans, que incluirá unha exhibición de encaixeiras no porto os días 7 e 8 de agosto.

A oferta de actividades deportivas inclúe cursos de vela no mes de xuño, destinados á rapazada dos colexios, unha viaxe ao Aquapark de Cerceda” (21 e 22 de xullo), unha exhibición de bailes caribeños e un espectáculo de bailes de salón nos que participarán varios campións de España. Este ano Muxía será tamén punto de paso do Gran Fondo Ézaro, e a capital local acollerá a xincana Muxía Máxica e un xogo de escape room adaptado á vila no que se poderá competir por grupos os días 23 e 24 de agosto.

O campamento Concilia Muxía terá lugar do 12 de xullo ao 6 de agosto e tamén se celebrarán as rutas Explora Muxía, que serán guiadas por distintos espazos do municipio. O 10 de xullo celebrarase a Ruta da Vila; o 17 percorrerán Os Muíños; o 24 O Lago; o 31 as Caldeiras do Castro e o 7 de agosto Nemiña.

Unha ampla e variada programación que foi presentada polo alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch. Destacaron que un dos eixos fundamentais desta programación é a cultura, e subliñaron que “será un compendio dinamizador, con obras e eventos de gran calidade e pensados para todos os públicos”. j. m. ramos