Demandan a cesión ao Concello das instalacións do faro de Fisterra

Dende a asociación de veciños solicitan a firma dun convenio coa Autoridade Portuaria
Turismo
Jose Manuel Ramos
Edificio do faro de Fisterra. Foto: Turismo de Galicia

Fisterra. A Asociación de Veciños Costa da Morte, de Fisterra, remitiu un escrito ao presidente da Autoridade Portuaria da Coruña solicitándolle a “elaboración, aprobación e firma dun convenio de cesión” das instalacións do faro de Fisterra ao Concello.

Concretamente demanda a cesión do baixo, a primeira planta e a caseta de xeradores para as bucinas de sinais acústicas, “de acordo coa memoria de explotación achegada polo Concello e ante a inminencia do inicio do Xacobeo 2021”, afirma o presidente do colectivo veciñal, José Fernando Carrillo.

Lembra que dende hai varios anos as instalacións deixaron de ser utilizadas polo Servizo de Sinais Marítimos ao ser substituídos polos novos sinais electrónicos de axuda á navegación. O obxectivo, segundo Carrillo Ugarte, é adicar eses espazos a “novos usos de carácter cultural e turístico, ao ser o cabo Fisterra o punto final do Camiño de Santiago, e o faro o edificio máis emblemático e principal reclamo turístico da Costa da Morte”.

Entenden ademais que, ás portas do Xacobeo 2021, “está chamado a ser un dos referentes principais dos milleiros de peregrinos que chegarán a estas terras”. J. M. R.