Demandan a prolongación da autovía no tramo de Baio ata Berdoias

José Fernando Carrillo, portavoz da AAVV de Fisterra, di que loitará ata que sexa rematada
Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Autovía da Costa da Morte, que une Carballo con Baio (Zas). Foto: J. M.

Fisterra. O presidente da AA.VV. Costa da Morte, de Fisterra, José Fernando Carrillo, remitiu un novo escrito á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para demandar que se prolongue a autovía da Costa da Morte “na súa segunda fase de 15 quilómetros, entre Baio (Zas) e Berdoias (Vimianzo)”.

Lembra que se trata dun proxecto incluído xa no Plan Galicia, aprobado como compensación polos danos sufridos a causa do afundimento do Prestige, e que cando a obra foi adxudicada, despois de dous intentos, “negociouse a redución á metade, pero co compromiso de contratar os quilómetros restantes cando se completase a primeira fase entre Carballo e Baio”.

Ese primeiro tramo foi inaugurado en xullo de 2016, “e prometeuse a construción dun novo de 5,5 quilómetros nesa lexislatura, pero transformándose nunha vía de alta capacidade. Con todo, a lexislatura rematou e o proxecto segue durmindo o soño dos xustos, en perxuízo dos habitantes desta zona marxinal e marxinada de Galicia”.

Non obstante, Carrillo asegura que o seu colectivo seguirá sendo “a voz que clama no deserto e loitará ata ver plenamente realizada a autovía da Costa da Morte, na seguridade de que non pode haber progreso e desenvolvemento sen unhas vías de comunicación adecuadas, xa que os polígonos de Vimianzo e Cee só serán atractivos para os inversores cando o transporte se poida facer nas condicións axeitadas”. Sinala tamén que a autovía redundaría en seguridade. J. M.