Demandan o arranxo da ponte de Vaosilveiro que une Cee e Muxía

O BNG presentará unha iniciativa no Parlamento para pedir á Xunta que acometa os traballos // Foi habilitada no 2011 para que os peregrinos poidan atravesar o río Castro
Camiño a Fisterra e Muxía
Jose Manuel Ramos

O BNG de Cee vai levar ao Parlamento unha iniciativa para que a Xunta acometa “de inmediato” as labouras de restauración e mantemento precisas para que a ponte de Vaosilveiro, en servizo desde principios do 2011, e punto de paso do Camiño de Santiago entre os concellos de Cee e Muxía, “siga sendo un paso axeitado da ruta xacobea, que é unha fonte económica da zona”.

Serxio Domínguez, portavoz dos nacionalistas, asegura que actualmente “atópase nun estado de abandono importante”. Debido ás últimas enchentas de comezos de ano, afirma, “producíronse movementos de pedras na parte superior da ponte, acabando con elas no curso do río e con varias árbores atrancando os ollos do paso da auga”. Meses despois, engade, “todo segue igual, non se procedeu por parte da administración competente a colocar no seu sitio as pedras nen a retirar as árbores, co conseguinte perigo que iso supón”.

Desde o BNG consideran necesario acometer os traballos no menor tempo posible, “polo feito de que coa chegada do verán as obras son sumamente mais fáciles polo menor caudal de auga no río, e para evitar que coa chegada do inverno e as conseguintes choivas, a situación poida empeorar, podendo producirse incluso problemas estructurais na ponte”.