Demandan que se habilite outra parada de autobuses en Fisterra

A asociación veciñal solicita tamén unha reforma integral do polideportivo municipal
Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Vista da capital muncipal de Fisterra

Fisterra. A Asociación de Veciños Costa da Morte, de Fisterra, remitiu sendos escritos ao alcalde solicitando a habilitación dunha nova parada de autobuses e a reforma integral do polideportivo local.

José Fernando Carillo, presidente do colectivo veciñal, asegura que a actual parada, ubicada na rúa Federico Ávila, “está nun lugar totalmente inadecuado debido aos problemas que causa á libre circulación de vehículos que acceden ao porto”, e denuncia o perigo que se xera para os usuarios, “xa que moitas veces teñen que invadir a estrada co perigo de atropelo”.

Por iso, dende o colectivo veciñal propoñen que o Concello adquira os terreos necesarios para construir unha nova estación de autobuses e que elabore o proxecto correspondente, así como que solicite subvencións para tal fin e aprobe a partida orzamentaria para proceder “á súa contratación coa máxima urxencia”, conclúe Carrillo.

Por outra banda, demandan que se elabore un proxecto de reparación integral do polideportivo “pola notoria deterioración que se observa”. A este respecto sinalan que a estrutura metálica está exposta á corrosión pola acción do aire salino procedente do mar, polo que precisa dun mantemento continuo.

Propoñen ademais que, aproveitando as obras, se dote ao pavillón de paneis solares na cuberta para que esta instalación teña enerxía eléctrica fotovoltaica, así como de auga quente, “o que permitirá a longo prazo un aforro importante para as arcas municipais”. M. R. L.