Denuncian graves danos do xabaríl en plantacións de Muxía e Vimianzo

Agricultura
Jose Manuel Ramos
O cultivo do millo é moi vulnerable durante a sementeira. Foto: UUAA

Muxía. Unións Agrarias está a recibir queixas de produtores das comarcas de Soneira e Fisterra, - especialmente no concello de Muxía- que denuncian danos gravísimos nas parcelas de millo, unha vez que comezou a campaña de sementeira. En concreto hai afectacións recorrentes denunciadas nos lugares de Frixe, Suxo, Castelo, Buituron, Guisamonde e Berdoias no veciño concello de Vimianzo. Resulta salientable que nalgún caso a desfeita acadou unha superficie de mais de 7 hectáreas.

Aseguran que o modelo actual para controlar os xabarís é un “fracaso”. A falta de censos directos, “está claro por indicadores indirectos como as tendencias dos danos nos cultivos e dos accidentes de tráfico, que as poboacións aumentan de ano en ano sen control. O modelo actual non logra estabilizar as poboacións pese as 21.000 batidas que se celebran ao ano en Galicia”, afirman.

Sinalan ademais que non están a funcionar os sistemas e protocolos para mobilizar medidas preventivas inmediatas, para protexer os cultivos baixo o paraugas da Lei 13/2013 de Caza de Galicia (pensada para un marco cinexético e non de praga). Para logralo UUAA presentou no seu día unha ILP no Parlamento e Galicia para que fose modificada a esta norma.

Os seus obxectivos deben de ser, engaden, a redución de mandas ata niveis compatibles coas posibilidades de carga dos ecosistemas, e a posta en marcha de procedementos operativos e eficaces de protección dos cultivos. Do mesmo xeito, sinalan, “resulta imprescindible que a responsabilidade de indemnización dos danos na agricultura do xabaril, pasen a ser da Xunta de Galicia, non dos TECOR e Sociedades de Caza que son incapaces de responder das cantidades cada vez mais grandes pola magnitude das desfeitas”.

O cultivo do millo é moi vulnerable durante a sementeira, onde as mandas de xabaril entran a alimentarse do grao recentemente sementado, como a partires de mediados de agosto, cando se empeza a formar a espiga. Na sementeira as explotacións afectadas teñen que volver a sementar as parcelas, normalmente varias veces se non hai intervencións de caza para dispersar os animais, facendo en moitos casos impracticable a posta en produción das parcelas, coa conseguinte perda económica.

UUAA está a desenvolver unha campaña de información a través das oficinas nas comarcas con problemas de fauna salvaxe poñendo a disposición dos afectados os servizos xurídicos da organización para que os produtores reciban as compensacións que lles corresponden pola perda dos seus cultivos.