INNOVACIÓN. Recibirán axudas da Xunta por un valor de máis de 130.000 euros // Pertencen a Carballo, Malpica, A Laracha, Vimianzo e Zas // O Centro Comercial Aberto da capital de Bergantiños recibiu unha achega de 33.000 € TEXTO J. M. Ramos

Dezaseis comercios da Costa da Morte súmanse á dixitalización

Axudas á innovación
Jose Manuel Ramos
Gonzalo Trenor, en primeiro termo pola esquerda, Rubén Lorenzo e Ricardo Pallas, en Carballo. Foto: Xunta

Un total de dezaseis comercios e artesáns das áreas de Bergantiños e Costa da Morte repartiranse algo máis de 130.000 euros en concepto de axudas por parte da Xunta coa fin de que avancen na innovación e a dixitalización dos seus negocios.

Así o confirmou este luns o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, durante unha visita a Carballo. Acudiu ao establecemento Deportes San Remo, un dos dezaseis beneficiarios, o cal está rexentado por Ricardo Pallas, presidente da asociación do Centro Comercial Aberto (CCA) da capital de Bergantiños. No seu caso a achega autonómica foi de 12.000 euros.

No municipio carballés outros nove profesionais acolléronse a este programa de incentivos, namentras que en Malpica de Bergantiños son tres os comercios e artesáns beneficiarios. A eles hai que sumar outros tres pertencentes aos concellos da Laracha, Vimianzo e Zas.

As axudas teñen como obxectivo facilitar aos negocios a mellora dos seus servizos a través da rede e tamén da súa imaxe dixital e a promoción dos seus produtos valéndose da redes sociais e outras ferramentas de xestión.

Trenor sinalou que tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Asemade, con esta liña de axudas apóianse iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven comerciantes e artesáns para proxectos de modernización integral dos locais, adquisición de equipamentos, así como proxectos de expansión comercial e proxectos pop up.

Durante a súa visita á capital carballesa, o delegado da Xunta lembrou que a Xunta de Galicia apoiou tamén o ano pasado ao Centro Comercial Aberto de Carballo cunha achega de 33.000 euros. Estas axudas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.

Outras das actuacións apoiadas son a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital.

INICIATIVAS PARA A VENDA. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Como novidade, tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros puideron optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados.

Tamén se contemplan axudas para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.