Encontro literario de Rocío Leira co alumnado do IES Maximino Romero

Mes do Libro
Jose Manuel Ramos
Rocío Leira, esquerda, nun dos encontros cos estudantes de Baio. Foto: IES Maximino Romero

A escritora ceense Rocío Leira visitou o IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Zas), coincidindo coas celebracións do Mes do Libro. Participou nun encontro literario co alumnado de 4º da ESO co que, despois de visionar un booktrailer elaborado por varias alumnas sobre o libro Veleno en familia, mantivo un animado coloquio sobre esta historia de crimes onde todos son vítimas e verdugos. Centráronse, sobre todo, nas principais protagonistas da novela que son á vez as narradoras que poñen voz a esta historia na que se aborda a situación das mulleres na sociedade rural galega e a complexidade das relacións familiares.

Na segunda sesión a autora reuniuse con alumnos e alumnas de 3ª da ESO para comentar aspectos da súa novela A afogada, -Premio de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo- que, do mesmo xeito que a anterior, logra manter a intriga no lector ata o final. Falouse da mentira, do maltrato, das relacións familiares tóxicas... máis o tema que máis reclamou a súa atención foi o das altas capacidades da protagonista que mesmo derivou nunha reflexión colectiva sobre o tratamento nos centros de ensino do alumnado con estas características.