Fai auga o ERTE de Xeal pola “mala fe” na súa negociación

A empresa ten que devolver as prestacións do desemprego e pagar o salario ós traballadores
Industria
Jose Manuel Ramos
Vista aérea da factoría de Xeal, en Brens-Cee, á dereita, ao pé do porto comercial da capital ceense. Foto: Ferroatlántica

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o ERTE que Xallas Electricidad y Aleaciones (Xeal) aplicou nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas entre o 21 e abril de o 3 de xullo de 2020, por entender que “ha quedado acreditada la concurrencia de mala fe en la negociación del período de consultas”, segundo recolle a sentenza.

Dende a agrupación sindical CIG sinalan que “o alto tribunal galego confirma así o que mantivemos durante toda a negociación: que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a dirección era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción”.

A anulación do ERTE, que afectou a 213 traballadores supón que a empresa ten que pagarlle os correspondentes salarios deixados de percibir durante o tempo que estiveron no paro, e ademais Xeal deberá reintegrar todas as prestacións por paro que foron abonadas polo Servizo Público de Emprego.

A sentenza do TSXG, engade a CIG, “constata a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións e incluso critica a conduta de Xeal por ocultar información de relevancia”, como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio). Este cambio produtivo executouse o día despois de rematar o período de consultas, malia que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción ordinaria en dúas unidades produtivas, pero con esta mudanza dende o 21 de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee.

Relacionado con isto, na sentenza queda probada que a transcendencia de que a parte social coñecera o contrato con FerroGlobe, tendo en conta que é o único provedor e cliente de Xeal, e que do mesmo depende o volume de actividade das fábricas de Cee e Dumbría. Na resolución recóllese que na operación de compra venda garantíase para as plantas da Costa da Morte un trato equivalente ao do resto das fábricas de Ferroglobe, pero mentres que as factorías do grupo estaban a plena produción, Xeal paraba fornos e formulaba o ERTE.

A CIG subliña que non houbo en ningunha outra industria electrointesiva un ERTE por causa da pandemia, xa que tivo a consideración de esencial, e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía. “E iso foi algo que lle propuxemos a empresa durante as negociacións”, afirman.

Din que “volve confirmarse a fraude e o absoluto despropósito que supuxo a operación de venda”, e reclaman á Xunta que interveña para evitar a situación de inviabilidade e ruína á que XEAL está levando as fábricas”.