‘Formigas’ artísticas para homenaxear ás mulleres traballadoras en Vimianzo

Terá lugar o 25 de abril e estará dirixido por Puri Lema del Río e outras dúas creadoras
Arte reivindicativo
Jose Manuel Ramos
Os participantes elaborarán a súa propia formiga artística no taller. Foto: C. C.

Vimianzo. O miradoiro Ramón Berra da capital de Soneira acollerá a tarde do vindeiro 25 de abril o obradoiro artístico Formigas, co que se pretende homenaxear ás mulleres anónimas traballadoras. Terá unha duración de catro horas e será impartido por Puri Lema del Río, que participa na exposición xunto a outras dúas artistas galegas: María José Pampín e Soledad Pite Sanjurjo.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 20 de abril para inscribirse, e poderán facelo na casa da cultura de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas. O custe da matrícula é de 10 euros.

Trátase dunha actividade pensada para persoas maiores de 8 anos, con inquedanzas artísticas. Poderán elaborar de maneira persoal a súa propia formiga, que pasará a formar parte da exposición Ants, treballadoras, unha mostra realizada por artistas das Illas Baleares.

A organización proporcionaralles unha formiga de ferro negro de dezaoito ou vinte e cinco centímetros e tamén se lles dará pintura. Quenes desexen empregar outros materiais ou programar outro tipo de transformación, deberán traelos xunto coas ferramentas necesarias.

Unha iniciativa similar terá lugar tamén no Museo Man, de Camelle o mesmo día. Neste caso, para asistir é necesario reservar praza antes do 19 de abril enviando un correo electrónico a museodoman@camarinas.net ou chamando ao teléfono 981 710 224. Os matriculados deberán pagar igualmente unha taxa de 10 euros. J. M. r.