Homologada a Ruta da Auga de Zas como sendeiro da rede galega

Sendeirismo
Jose Manuel Ramos
Fervenza de Budián, un dos atractivos da Ruta da Auga de Zas. Foto: C. Z.

Zas. A Ruta da Auga de Zas figura xa entre a listaxe de sendeiros de pequeno percorrido galegos baixo a denominación PR-G 250. Tras varios meses de trámites, a Federación Galega de Montañismo vén de certificar o itinerario.

Trátase dunha ruta de 10 quilómetros que discorre pola parroquia de Gándara e na

que a auga é o fío conductor. Ademáis dunha gran cantidade de muíños, pontellas, cabazos, mámoas, castros e abellerizas, tres fervenzas (Budían, Parga e Rabiñoso ) chaman a atención do visitante. A ruta discorre por camiños recuperados nos últimos anos polo Concello de Zas –tales como o “camiño dos cregos”– e por sendas de ribeira nos que se poden observar a riqueza da flora e fauna da zona.

É un percorrido circular de dificultade media que comeza e remata na ponte do Sisto. Os dez quilómetros da ruta están sinalizados con información facilitada pola veciñanza de Budián, Parga e Vilar Ramilo, que proporcionaron moitas das lendas e historias destes camiños.

“A incorporación da Ruta da Auga como PR-G reforza aínda máis riqueza natural e o patrimonio da zona”, sinala o alcalde, Manuel Muíño, quen agradece o esforzo dos técnicos e a veciñanza implicados na homologación. J. M.