Licitadas as obras de ampliación da ponte sobre o río Grande en Baio

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
As actuacións contemplan a ampliación da ponte con voadizos en ambos os laterais

Zas. A Consellería de Infraestruturas vén de licitar o contrato para acondicionar, rehabilitar e ampliar a ponte de pedra sobre o río Grande ao seu paso por Baio (Zas).

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte da estrada AC-552, “de xeito que facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras”, afirman. Ademais, a intervención porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas e as marxes do río como os treitos de accesos á ponte.

A actuación conta cun orzamento de case 328.000 euros, e as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 27 de xaneiro para presentar as ofertas. Os traballos centraranse na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

O proxecto inclúe a disposición de pavimentos diferenciados para a zona de vehículos e para as beirarrúas no tramo sobre a ponte fronte aos utilizados fóra da zona da citada infraestrutura.

As melloras propostas contan coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio. O prazo de execución será de 4 meses. J. M. R.