Licitan unha senda que unirá polo bordo litoral Corcubión e San Roque

Investirán 1,1 millóns de euros e completarase no futuro co proxecto que conectará os faros
Mobilidade
Jose Manuel Ramos
Manuel Ínsua, alcalde de Corcubión, esquerda; Valentín González, presidente da Deputación, no centro; e José Antonio Louro, tenente de alcalde. Foto: D. C.

A Deputación da Coruña licita por 1.145.224 euros as obras de construción dunha senda peonil ao longo da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda. O prazo de execución dos traballos será de 11 meses e as empresas interesadas poderán presentar propostas ata o 26 de abril.

As obras permitirán configurar un gran itinerario peonil no municipio, sendo un dos proxectos con maior investimento da área de Vías e Obras do ente provincial durante este ano e o maior realizado en Corcubión ata o momento. Os traballos “suporán unha notable mellora na seguridade peonil e un ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil que circunde boa parte da costa de Corcubión e que permita gozar das paisaxes únicas que ofrece”, indicou o presidente da Deputación.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Insua, manifestou a súa satisfacción polo “investimento histórico” que supón a obra para un municipio que conta con 1,3 millóns de orzamento anual. “É unha obra moi importante para Corcubión polo investimento que supón e porque vai facer realidade unha antiga demanda”. Sinalou que a senda conectará Quenxe co Faro Cee e que, a medio prazo, o percorrido completarase grazas ao proxecto das Sendas dos Faros (que afecta a 11 faros da provincia, entre eles o de Cee), no que traballa tamén a Deputación da Coruña “e que permitirá crear unha gran senda para pasear arredor da península da Redonda”.

As obras abarcarán desde o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría. Executarase a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías de medio metro na marxe esquerda e unha senda peonil de 2 metros de ancho ao longo de toda a marxe esquerda da estrada.

As actuacións prolongaranse tamén ao ramal que conduce ao faro de Cee pasando polo campo de fútbol. Alí o vial contará cunha anchura de 6 metros, con dous carrís de 3 metros, beiravías de medio metro e unha senda peonil de 2 metros. Dentro das accións tamén se inclúen a reubicación dunha marquesina, a demolición e construción dun muro de pedra, a reposición das obras de drenaxe transversal existentes e a drenaxe lonxitudinal e sinalización horizontal e vertical. As obras requeriron a expopiación de máis de 20.200 metros cadrados de terreo.

Nun futuro a senda complemetarase co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan Director de Mobilidade do Goberno provincial, consistente na construción de rutas ciclistas e peonís que conectarán un total de 11 faros ao longo da provincia, entre eles o de Cee, que se atopa en funcionamento desde o 1860.

Dende a Deputación sinala que con estes proxectos reforzan a súa aposta “por un novo modelo de mobilidade, sostible e respectuoso co medio ambiente que leva non só ás areas metropolitanas dos grandes concellos, senón aos pequenos concellos rurais da provincia”.