Luna Suárez, a veciña e arquitecta que estudou a arte de Man de Camelle

Eu son Camariñas
Jose Manuel Ramos
Luna Suárez no xardín-museo de Man durante a entrevista que lle fixo o escritor Víctor Fernández Alves. Foto: C. C.

COSTA DA MORTE. O Concello publicou a terceira entrega do programa Eu Son Camariñas, na que lle dá voz Luna Suárez Marcote, unha arquitecta de Camelle que sorprendeu co seu traballo de fin de grao sobre o Alemán de Camelle, Manfred Gnädinger, na Universidade da Coruña. A iniciativa naceu para dar visibilidade a diversos camariñáns que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. A nova proposta consiste en publicar mensualmente na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un destes camariñáns senlleiros.

Nesta ocasión a protagonista é Luna Suárez Marcote, que estudou arquitectura na UDC e exerce a profesión nun estudio da Coruña dende hai catro anos. Creceu ao carón do artista alemán de Camelle e iso levouna a realizar o seu traballo de fin de grao sobre a súa figura e a súa arte. Nel tócanse todos os puntos da vida e obra de Man, algúns deles completamente descoñecidos, como a fotografía ou o paradoiro dos cartos que cobraba aos visitantes por visitar o seu museo.

Un dos propósitos orixinais do proxecto consistía en dar visibilidade aos camariñáns que lograron notoriedade ao longo da historia, tanto dende a vila camariñana como na diáspora. Ademais pretendíase crear un escaparate dende o cal se reflexe o traballo desa xuventude estudosa, traballadora e emprendedora do Concello de Camariñas. “Crear unha ventá que amose ao mundo todas as virtudes desas artesás, deportistas, escritores, mariños, empresarios... pequenas historias das nosas xentes que deu e seguirá dando este concello cheo de talento”, sinalan.

A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “a nova etapa deste proxecto tamén pretende inculcar un chisco de esperanza a todos os nosos veciños e a esta xeración que está a formarse dentro das escolas do concello”.