Mellorados os viais interiores e accesos ao hospital de Cee

Gonzalo Trenor supervisou onte as obras, nas que a Xunta investiu preto de 100.000 euros
Infraestruturas
MANUEL LAVANDEIRACee
Trenor, no centro, onte no hospital de Cee. Foto: Xunta Galicia

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de rehabilitación estrutural localizada do firme nos viais interiores do aparcadoiro do hospital comarcal Virxe da Xunqueira, situado en Cee. Os traballos incluiron tamén o fresado e a reposición de firmes no entorno do centro sanitario.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou as obras acometidas, e asegurou que con esta actuación “buscamos, por unha banda, conservar e mellorar a seguridade vial e a comodidade dos usuarios que acoden a diario ao centro de saúde e, por outra, protexer o conxunto do firme mellorando o aspecto e a durabilidade”, afirmou.

Uns traballos que contaron cun investimento da Xunta de Galicia de case 100.000 euros. Gonzalo Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro dun plan de mellora de accesibilidade aos principais centros hospitalarios da Coruña. Concretamente, na provincia investíronse máis dun millón de euros para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos hospitais Naval, Arquitecto Marcide e no Novoa Santos, de Ferrol; no Teresa Herrera (Materno) da Coruña; no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), no provincial de Conxo e no hospital comarcal do Barbanza.

O representante do Goberno galego recalcou que “o obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como do persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes centros”.

Os traballos foron planificados cos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas), analizando as necesidades de actuación. Ademais, segundo sinalan dende a Xunta, as obras executáronse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios dos complexos para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

O portavoz do Partido Popular de Cee, Antonio Domínguez, acompañou ao delegado da Xunta para comprobar in situ o resultado dos traballos acometidos na contorna do Virxe da Xunqueira, que da cobertura sanitaria á veciñanza da Costa da Morte.