Mobilidade sostible pola fin da Terra

O Plan VIVE de Hyundai pon a disposición dos visitantes da Costa da Morte un coche eléctrico compartido // Ten a súa base no hotel O Semáforo, de Fisterra
Medio Ambiente
Jose Manuel Ramos
Asistentes ao acto de presentación celebrado no hotel O Semáforo, de Fisterra. Foto: J. M.

O hotel O Semáforo, de Fisterra, acolleu onte a presentación do Plan VIVE de Hyundai, que permitirá aos visitantes que se acheguen á Costa da Morte desprazarse nun coche eléctrico compartido, en concreto, un Hyundai Kona que se xestionará a través dunha aplicación móbil. Ofrecen así aos viaxeiros unha alternativa de mobilidade que garante o máximo respecto ao medio natural.

O acto estivo presidido polo alcalde fisterrán, José Marcote, quen subliñou que o seu concello ten como principais medios de vida a pesca e o turismo, “e ningún deles tería sentido hoxe en día sen a palabra sustentabilidade, polo que conservar o potencial que temos pasa por iniciativas sostibles e esta é unha delas”. Anunciou ademais que o Concello estudará a forma se sumarse á mesma.

Francisco Zabaleta, xerente de Hyupersa Finisterre Motor, asegurou que esta é unha aposta por “una movilidad eficiente y respetuosa con el medio”, e Ramón Seijas, conselleiro delegado de Hyupersa, considera que “es un paso adelante y una nueva forma de movilidad en el rural”.

Pola súa banda, Jesús Picallo, xerente de O Semáforo, valorou moi positivamente a aposta de Hyundai e a elección de Fisterra para desenvolver este plan “pues aquí recibimos un millón de visitantes cada año y este es el segundo lugar más visitado de Galicia, después de la catedral de Santiago”. Á cita acudiu tamén o piloto e empresario vimiancés, Amador Vidal, en calidade de representante de Hyundai na Costa da Morte.