Mónica Rodríguez asume a presidencia de Costa da Morte Asociación Turística

Nesta nova etapa apostarán polo marketing online, o Camiño de Fisterra e o posicionamento destas comarcas atlánticas como un destino familiar
Turismo
Jose Manuel Ramos
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo. Foto: CMAT

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, é a nova presidenta de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), tomando o relevo do seu homólogo de Muxía, Iago Toba, quen ostentou o cargo dous anos. A nova xunta directiva foi nomeada o pasado luns, día 21 de xuño, nunha asamblea celebrada na capital vimiancesa.

A vicepresidencia será asumida polos representantes do Concello de Camariñas; a tesourería polos de Cabana de Bergantiños, e exercerán como vogais os de Fisterra e Carballo, namentras que a Asociación de Profesionais de Turismo de Costa da Morte (APTCM) asumirá a secretaría e unha vogalía.

Mónica Rodríguez agradeceu “a boa labor na xestión da entidade” realizada polo anterior equipo directivo, especialmente a Iago Toba como presidente; José Manuel López, como vicepresidente e José Luis Pérez como vogal. Agora, sinalou, “comeza unha nova etapa no xeodestino, cun equipo ilusionado e con gañas de traballar en conxunto polo desenvolvemento e a promoción turística da Costa da Morte”.

Na asamblea comunicouse a todos os socios a resolución das axudas da Deputación da Coruña para as actividades de 2021, onde terán especial protagonismo o marketing online, o Camiño Fisterra–Muxía, (en honra da celebración do Ano Santo Xacobeo), a realización de varios blog trips, o posicionamento de Costa da Morte como destino familiar e a realización de diferentes elementos audiovisuais que promocionen as vivencias e emocións que se poden vivir arredor do patrimonio natural e cultural deste xeodestino.