Muxía reparte 600 cestas de Nadal aos seus maiores

Agasallos
Jose Manuel Ramos
Cesta de Nadal coa felicitación que farán chegar a todos os maiores de Muxía. Foto: Concello de Muxía

Muxía. O Concello de Muxía ultima os preparativos para o reparto de seiscentas cestas de Nadal para os maiores do municipio.

Cada unha delas constará dun lote de produtos pensados para que os veciños e veciñas poidan desfrutar dos mesmos, entre eles os típicos de Nadal, e nun 2020 “moi especial, en moitos sentidos”, aseguran desde o goberno local. Serán repartidos persoalmente por operarios municipais e membros do goberno durante as vindeiras datas.

Acompañarase esta cesta cunha mensaxe de felicitación, “nunhas datas tan particulares para moitas e moitos dos nosos maiores, e que tan exemplar foi o seu comportamento durante o decreto do estado de alarma o pasado 14 de marzo”, afirman desde o executivo local. “Non é un simple detalle de Nadal; é un agradecemento en nome de todo o municipio pola súa labor e contribución á sociedade muxiana”, engaden.

Cabe sinalar que o Concello de Muxía está a vivir, de novo, unha situación complicada, xa que é un dos municipios perimetrados pola alta incidencia da COVID. Nos últimos catorce días rexistráronse 49 casos. M. R. L.