O BNG demanda outro convenio coa Autoridade Portuaria para mellorar a estrada de Touriñán

Piden que os 190.000 euros aforrados na licitación se empreguen en anchear a vía nas zonas máis estreitas // Esixen que a capa rodada quede en óptimas condicións
Infraestruturas viarias
Jose Manuel Ramos
Obras de acondicionamento da estrada de Cee a Touriñán. Foto: PP Muxía

Os grupos municipais do BNG de Cee e Muxía, preocupados pola execución da obra da estrada a Touriñán, demandan que as respectivas alcaldías soliciten á Autoridade Portuaria da Coruña un novo convenio no que, “cando menos, a baixa de 190.000 euros sobre o custe orzamentado dos traballos, se empreguen para poder anchear a vía naquelas zonas máis estreitas, así como que a capa rodada quede en óptimas condicións”.

Os nacionalistas xe denunciaran que a execución da obra “estaba sendo desastrosa, con tramos de asfaltado que se levantaban aos poucos días”, e lembran que unha vez executada “a estrada pasará a ser propiedade de ambos concellos, co que o mantemento e conservación pasará a ser das dúas administracións, motivo mais que suficiente para asegurarnos que a vía quede en condicións e se asegure polo menos dúas décadas de vida sen ter que actuar nela”.