O Concello de Zas capturou 2.830 raíñas de velutinas

Velutina
C.G.
Trampas para capturar vespas velutinas. Foto: C.R.

Zas. No segundo reconto da campaña anual de trampeo da vespa velutina que foi impulsada polo Concello de Zas contabilizáronse un total de 1.621 raíñas de vespa velutina que, sumadas ás 1.209 do primeiro reconto, fan un total de 2.830 capturas.

Na campaña, que se estenderá ata finais deste mes e que está xestionada pola empresa Plaguiber, colaboran 132 veciños das diferentes parroquias que forman o municipio e aos que no pasado mes de marzo se lles entregaron as trampas xunto co seu correspondente líquido atraínte. Grazas á colaboración da veciñanza instaláronse xa 235 trampas, ás que hai que sumarlle outras 80 que están colocadas en diferentes lugares públicos e altamente sensibles a esta praga, como os paseos fluvias, os xardíns das Torres do Allo, as zonas próximas aos centros de saúde e aos centros educativos, etc.

Aínda que este é un problema que afecta a toda Galicia, este é o quinto ano que o Concello de Zas destina unha parte dos seus recursos económicos a loitar contra a praga da vespa velutina. Ao igual que nos anos anteriores, a campaña de trampeo púxose en marcha no momento no que as raíñas comezan a espertar do seu letargo invernal e a facer os primeiros niños. c.z.