O goberno de Muxía solicitará o apoio do pleno para o abastecemento de Suxo

Foi a gran promesa electoral do alcalde, Iago Toba // Asegura que é unha “demanda histórica” dos veciños // O plan contempla melloras en varias zonas
Servizos básicos
Jose Manuel Ramos
Iago Toba, esquerda, Javier Romar e Olalla Benlloch presentando o proxecto do abastecemento en Suxo. Foto: Concello de Muxía

O goberno local de Muxía proporá no vindeiro pleno, que se celebrará o 18 de marzo, unha modificación orzamentaria para executar o proxecto de abastecemento de auga a Suxo, incluído no plan de mellora do servizo en varias zonas do municipio, e tamén no núcleo urbano. Para tal fin o Concello dispón dun orzamento total de 950.000 euros.

Trátase dunha das obras “máis importantes desde hai varias lexislaturas” e para a que xa están comprometidas “todas as fontes de financiamento, a falta da municipal”, afirma o alcalde, Iago Toba.

É por isto, engade, que se precisa aprobar na próxima sesión esta proposta do goberno local, “para así cumplir cunha demanda histórica para Muxía”. O rexedor presentou o proxecto esta mañá, xunto aos edís Javier Romar e Olalla Benlloch na propia parroquia de Suxo.

“Logo de varios meses traballando para facer realidade un dos proxectos máis importantes na historia recente de Muxía, podemos anunciar que, si todo segue os cauces administrativos pertinentes, Suxo contará cun ben de primeira necesidade como é a auga”, sinalou o rexedor.

O executivo local, sinala, continúa apostando polo “traballo por e para a veciñanza, cumprindo así unha das grandes promesas efectuadas antes de chegar ao goberno, xunto coa estrada de Lago a Leis”, destaca. “É unha demanda histórica dos veciños de Suxo, Agranzón ou Castelo, que verán comezada este mesmo ano”, conclúe Iago Toba.