O PP reivindica en Cee a nova lei para cubrir vacantes nos hospitais comarcais

Paula Prado, acompañada do candidato ceense, Jesús Picallo, visitou o Virxe da Xunqueira // Presentarán mocións nos concellos das áreas de influencia dos mesmo
Política municipal
El Correo Gallego
Sandra Vilela, á esquerda, Evaristo Ben, Paula Prado, Jesús Picallo e Antonio Domínguez este mércores en Cee. Foto: PP

O Partido Popular de Galicia reivindicou en Cee a recentemente aprobada Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, impulsada pola Xunta, que permitirá asegurar a cobertura dos postos vacantes nos sete hospitais comarcais galegos. Presentarán unha moción nos plenos municipais dos 63 concellos correspondentes a estes centros para solicitar que nas futuras ofertas públicas de emprego aprobadas a través da devandita lei se inclúan as prazas vacantes dos hospitais de Monforte, O Salnés, Valdeorras, Verín, Virxe da Xunqueira de Cee, A Mariña e Barbanza.

Así o anunciou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nunha visita ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, acompañada polo candidato do PP á alcaldía deste concello, Jesús Picallo, voceiros e representantes comarcais. Lembrou ademais que “os orzamentos da Xunta para 2023 consignan 450.000 € para este centro e vaise licitar a reforma das urxencias antes de que remate o ano por 1,1 M€”.

Pola súa banda, Jesús Picallo aproveitou a ocasión para lamentar que Cee “perdera o tren durante os últimos anos”. Por iso reivindicou que o seu obxectivo é que “volva ser a referencia comarcal, industrial e sanitaria que sempre foi e nunca debeu deixar de ser”. Unha idea na que coincidiu coa secretaria xeral do PPdeG, que non dubidou en afirmar que Jesús Picallo é o candidato que “conseguirá que Cee recupere o brillo e o esplendor que merece e que nunca debeu perder”.