Os Reis xa percorreron parroquias de Zas e A Laracha este mércores

Este xoves 5 o resto de municipios da zona preparan as cabalgatas e as festas de recepción
Reis Magos
C.G.
Os Reis Magos xa visitaron as parroquias de Zas. Foto: C. Zas

Costa da Morte. Os concellos de Costa da Morte e Bergantiños agardan ilusionados a chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar, que xa están de camiño para chegar á cita deste xoves. Non obstante, hai concellos como o de Zas e o da Laracha nos que as Súas Maxestades xa fixeron acto de presenza este mércores.

En Zas, recorreron as parroquias dende a mañá e este xoves será o turno da cabalgata e da recepción tanto en Baio como en Zas. Na Laracha tamén fixeron xa un percorrido por parte das parroquias e este día 5 rematarán as visitas. Ademais, tamén se celebrará unha festa infantil no pavillón do IES Agra de Leborís a partir das 17.00 horas, onde os nenos e nenas poderán agardar polas Súas Maxestades desfrutando de diferentes xogos e inchables.

En Ponteceso a cabalgata partirá do Parque Empresarial de Tella ás 18.00 horas e rematará na Praza do Recheo onde os nenos e nenas poderán entregarlle as súas cartas e contarlle os desexos aos Reis Magos. En Carballo a tradicional cabalgata sairá ás 17.30 horas do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper. No seu percorrido pasará pola avenida Ponte da Pedra, a avenida de Malpica, Pedra Furada, rúa Mirtos, Fábrica, avenida das Flores, Rosas, Begonias, Camelias, Xasmíns, avenida da Cristina, Poñente, Luis Calvo, Alexandre Bóveda, avenida de Fisterra, Río Anllóns, avenida da Milagrosa, rúa Compostela, A Brea, Cemiterio, rúa Verdillo, Sol, Martín Herrera (parada na igrexa parroquial), Jacinto Amigo, Gran Vía, Doutor Fleming, avenida de Bergantiños, Vila de Ordes, Vila de Noia, Vila de Corcubión, Gran Vía, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Ponte, Perú, Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Valle-Inclán e Colón, onde rematará. O percorrido ten unha duración aproximada de dúas horas, e este ano recuperarase a tradicional recepción aos Reis no vestíbulo da casa do concello.

No caso de Cabana as Súas Maxestades van visitar as parroquias en tren á tarde deste xoves. E a partir das 17.00, o pavillón municipal acollerá inchables e obradoiros infantís que servirán como antesala para a recepción. O venres reiniciarán a súa andaina por Cabana. A Camariñas chegarán por mar na lancha de Salvamento Marítimo e visitarán as parroquias a bordo do barco máxico. C.G.