Pechada a ría de Camariñas ao marisqueo polos elevados niveis de toxina

Mar
Jose Manuel Ramos
Representantes de Portos de Galicia e da empresa que executará as melloras na lonxa de pescados e mariscos de Camariñas. Foto: C. C.

Camariñas. Dous días despois de que os mariscadores de Camariñas comezasen a nova campaña terán que deixar de faenar debido á presenza de toxina, segundo as analíticas feitas polo Intecmar. As boas expectativas, ante os altos prezos acadados pola ameixa nas primeiras poxas, vense agora freadas ata que volte a normalidade ás augas da ría camariñana.

A mala nova foi compensada, en parte, coa visita á confraría de representantes de Portos de Galicia e da empresa que se encargará de acometer os traballos de acondicionamento e mellora da lonxa local.

O patrón maior, José Ramón Lema, asegurou que as obras comezarán o vindeiro mércores, día 19 de maio e, segundo o proxecto que lles presentaron “unha vez que se acometan as reformas previstas imos poder dispor dunhas instalacións dun alto nivel”. J. M. RAMOS