Peregrinaxe de Entroido no colexio Manuela Rial Mouzo de Cee

Entroido
Jose Manuel Ramos
Escolares e docentes do CPR Manuela Rial Mouzo celebrando o Entroido. Foto: CPR Manuela Rial

Cee. Dentro do que permiten os protocolos nun estrito respecto ás normas hixiénico- sanitarias, o alumnado de Infantil e Primaria do CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo mantivo viva a faísca do Entroido. Non houbo o tradicional festival con actuacións aberto ás familias no salón de actos, nin tampouco a degustación de pratos típicos do Entroido. Mais a rapazada non deixou de desfrutar co desfile e con xogos. Na tarde do venres, o centro educativo ceense transformouse nun Campus Stellae en homenaxe a Compostela e ao Ano Santo Xacobeo. Nenos, nenas e tamén o persoal docente achegáronse ao colexio debidamente ataviados como peregrinos de todas as partes do mundo: da Península Ibérica mais tamén de México, Francia, Italia, Escocia, India, Etiopía, China... Os cativos e cativas espantaron a COVID nestes tempos de pandemia, enchendo de colorido e ledicia o patio do CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo. J. M. RAMOS