Posta a punto do paseo fluvial do río Negro a cargo do alumnado do obradoiro de emprego

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Alumnos e alumnas do obradoiro de emprego acondicionando o paseo do río Negro. Foto: Concello de Muxía

O río Negro, ao seu paso por Os Muíños (Muxía) xa comeza a ter unha nova aparencia, gracias ao labor do alumnado do obradoiro xuvenil de emprego que está a levar a cabo no paseo fluvial. Entre outras intervencións, están a executar a substitución de elementos rotos, a mellora de elementos deteriorados polas inclemencias meteorolóxicas e o acondicionamento da senda pola beira do río.

Paralelamente, están a realizar melloras de elementos decorativos dos propios muíños, tales como paneis de sinalización e limpeza da madeira tratada. Tamén está previsto, que executen unha actuación na pasarela da praia dos Muíños.

O concelleiro de Obras e Medio Rural, Javier Romar, destacou que “este equipo de goberno non só intenta innovar senón que tamén está centrado plenamente no mantemento dos espazos existentes, para o desfrute da veciñanza e dos turistas”. “Estamos a facer moito, pero aínda queda traballo por realizar e centraremos todos os nosos folgos en conseguir un sistema de mantemento óptimo para que os espazos municipais estean nas perfectas condicións”, destaca.