Primeiro albergue turístico para Camariñas con corenta e seis prazas

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Croquis do futuro albergue turístico de Camariñas. Foto: C.C.

Camariñas. O Concello de Camariñas verá reforzada a súa oferta de aloxamento con dous novos establecementos. A xunta de goberno acordou conceder a licenza para a construción do primeiro albergue turístico do municipio, que estará situado en Area da Vila e que será bautizado como Devalar do Mar.

O arquitecto deste novo proxecto, Maximino Manuel Aguiar Baña, presentou unha proposta para a creación dun espazo multiexperiencia que disporá dun total de quince habitacións: once dobres, que suman vinte e dúas prazas de aloxamento, e catro múltiples, con capacidade para outras vinte e catro persoas.

Ademais, o goberno camariñán concedeu outra licenza similar, neste caso a proposta dos arquitectos Diego Freire e Soledad Pérez Méndez, para transformar unha vivenda nunha casa de hóspedes na rúa Ramón Noguera baixo o nome de O Mar de Preciosa.

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou a importancia de que “continúe aumentando a oferta de aloxamentos no municipio para responder á afluencia de visitantes que se prevé no verán xa que, ao igual que o pasado ano, Camariñas destaca como un destino seguro que aposta polo turismo ao aire libre aproveitando as nosas rutas de sendeirismo e as fermosas paisaxes do territorio”. J. M. R.