Primeiro premio no Maker Faire Galicia para o IES Maximino Romero de Baio

Formación
Jose Manuel Ramos
Equipo do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, que gañou o primeiro premio no Maker Faire Galicia. Foto. IES M. R. L.

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Zas), gañou o primeiro premio no Maker Faire Galicia, celebrado hoxe venres, co proxecto IES Seguro elaborado por alumnado de 2º de FP Básica Informática de Oficina e 1º de CM de Sistemas Microinformáticos e Redes, e coordinado polos profesores Marta Diz e Gonzalo de Castro-Acuña.

Trátase dunha iniciativa xurdida con motivo das medidas de adaptación ao contexto da Covid-19, co fin de crear espazos seguros dentro do centro educativo para reducir o contaxio do virus. Con este proxecto preténdese impulsar as habilidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado, ao mesmo tempo que se procuran ideas enxeñosas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia, entre as que se atopan abrir os roupeiros ou as portas sen chave ou acceder a ordenadores con tarxetas sen necesidade de tocar o teclado, segundo informa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.