Propostas de obras do BNG para o POS de Cee e Dumbría

Obras
Jose Manuel Ramos
Casa consistorial de Cee

Cee. O BNG vén de presentar sendas propostas de obras para o Plan de Obras e Servizos (POS) en Cee e Dumbría.

O portavoz nacionalista ceense, Serxio Domínguez, di que “moitas delas veñen de anos anteriores”. O seu grupo pide a mellora de estradas e da mobilidade en Ameixenda, Brens, Lires, Pereiriña, Toba e Cee.

En Ameixenda piden a mellora de acceso ao cemiterio a pé cunha senda peonil desde o núcleo, así como o acondicionamento dos exteriores para que haxa máis espazo de aparcamento, e o arranxo do camiño de Loureiros cara ao mirador de Gures. Pola súa banda, para Brens solicita o asfaltado da pista interior de Raso, a ampliación da entrada a Aritas e Borreiros e a mellora do saneamento en Fadibón.

Na capital ceense solicitan a urbanización da rúa Calzada e Río Ferrol, a mellora da rúa Pepe do Pocho e da vía de acceso a O Son desde Toba, así como da rúa Magdalena, e na parroquia de Lires a depuración de augas en Tedín e Ruibo, a separación de pluviais e fecais e a urbanización da vía principal.

En Pereiriña ven necesario asfaltar a vía interior de Morancelle e a que une Codesos e Vilanova, e en Toba demandan o arranxo integral da estrada que vai a Estorde, a entrada a este núcleo desde o cruce da subida ao monte do Son e a vía de Toba de Abaixo a Aspadex.

Pola súa banda, o responsable local do BNG de Dumbría, Xaime Trillo, propón ao goberno local (PSOE) incluir no POS os proxectos de arranxo da ponte de Val de Laxe (Bustelo), o tratamento de augas residuais en Sarteguas, a revisión e rebacheado da estrada de Alvarellos, no tramo de Caforra, e valar a estrada de Santa Uxía, dende o mirador. J. L.