Reactivan a tradicional feira baiesa

Comercio
Jose Manuel Ramos
Vista aérea da primeira feira de Baio celebrada na nova praza. Foto: Concello de Zas

Zas. A primeira edición do ano da tradicional feira de Baio celebrouse xa na nova praza habilitada polo Concello zaense e, segundo sinalan, “a resposta non puido ser mellor. Ao longo de toda a mañá houbo unha gran afluencia de xente de toda a contorna que se achegou ata a nova praza e que ademais aproveitou a ocasión para mercar nos comercios locais e repoñer forzas nos establecementos hostaleiros”.

Dende o Concello queren ademais agradecer “aos empresarios e empresarias locais, aos vendedores ambulantes e visitantes por darlle o primeiro pulo a unha feira tan importante como a de Baio”. E é que con esta reubicación confían en que se poida reactivar esta feira que, con máis de trescentos anos de antigüidade, veuse a menos nas últimas décadas.

De momento, o cambio xa serviu para atraer a un maior número de vendedores. Na cita non faltaron a música tradicional, un posto de polbo e tamén unha exposición de vehículos do grupo Feirauto. J. M. RAMOS