Sendeirismo. Senda Nova volveu ás corredoiras nas terras da Laracha // Toparon con capelas, unha cesteira e un curtidoiro // Preto de cen persoas participaron na Andaina Solidaria de Coristanco // En Zas percorreron a ruta da auga TEXTO J. Ramos

Recobran vida os camiños da Costa da Morte neste outono

Sendeirismo
Jose Manuel Ramos
Camiñantes do Outono en Marcha atendendo ás explicacións no curtidoiro de Cumiáns. Foto: Senda Nova

Os camiños e corredoiras da Costa da Morte están a recobrar unha nova vida da man dos centos de sendeiristas que cada fin de semana saen a camiñar para facer deporte, aprender e mesmo solidarizarse, como sucedeu o domingo en Coristanco.

Preto dun cento de persoas, repartidas en grupos de dez, participaron na I Andaina Solidaria organizada polo Concello coristanqués a favor da loita contra o cancro de mama. Foi unha actividade deportiva e saudable que se desenvolveu a carón do río Anllóns. Á comitiva sumouse tamén a presidenta da xuntal local da AECC, María do Carme Facal, e colaboraron coa causa Carrefour (aportando auga e froita para os camiñantes), Autos Facal e Autos Fernández (que puxeron os autobuses para o camiño de volta) e Protección Civil de Coristanco. Dende o Concello queren agradecer o apoio de todos eles.

E na Laracha comezou esta fin de semana o 9º Outono en Marcha de Senda Nova, cunha nova ruta pola Senda das Capelas, que partiu de Montemaior, a carón da igrexa de Santa Margarida. Visitaron tamén as de Nosa Señora de Cumiáns e a de San Roque da Pena, e no seu percorrido topáronse con María, a cesteira de Brumiáns quen, ademais de trenzar o bimbio para facer cestas, tamén é unha boa regueifeira e así llo demostrou aos camiñantes.

Polo camiño fixeron unha parada no curtidoiro de Cumiáns, onde Suso e a súa familia amosaron a súa hospitalidade aos sendeiristas. Este taller funcionaba xa no 1852 e alberga espazos materiais e ferramentas para “a realización dunha visita que, nas verbas de Suso, é totalmente interpretativo”, afirma José Manuel Menéndez, presidente de Senda Nova.

No tramo final da andaina case puideron divisar por completo o percorrido cando transitaban “polas antigas e importantes vías de comunicación situadas nos máis altos montes da parroquia, alá onde os horizontes agasallan a vista coas costas de Ferrol”, engadiu.

A parada no carballo do Outeiro, proposto polo Concello larachés para que sexa recoñecido como árbore senlleira, foi a última antes da chegada á igrexa parroquial. Foi, asegura Menéndez, “unha andaina con tempo, participantes e persoeiros que cultivaron calma e recolleron coñecemento”.

Dende Senda Nova agradecen, coma sempre, a aportación do Concello da Laracha e a labor de Protección Civil de Carballo.

O vindeiro domingo, día 25 de outubro, volverán aos camiños para descubrir os segredos da ruta Razo-Baldaio para protexer, na que conviven ecoloxía e paisaxe. Trátase dun percorrido de 14 quilómetros, ao longo dos cales xeoloxía, cultura e biodiversidade conforman un espazo natural que alberga un dos sistemas dunares mellor conservados de Galicia e unha zona húmida que acolle interesantes especies de avifauna e é berce de luxo para a Píllara das Dunas. Os interesados en participar poden inscribirse ata dous días antes do roteiro.

Pola súa banda, en Zas retomaron o programa de Andainas de Outono cun novo percorrido pola Ruta da Auga, seguindo as novas medidas de prevención do covid-19.

Os participantes dividíronse en dous grupos acompañados de tres guías, que se encargaron de explicar aqueles elementos máis destacados polos que pasa o roteiro de dez quilómetros, no que se poden contemplar fervenzas, muíños, un batán, pontellas, abellarizas e unha rica e variada flora e fauna. Unha ruta que, segundo o Concello de Zas, organizador das andainas, “está en proceso de homologación como sendeiro de pequeno percorrido”.