Reparación de firmes viarios nas parroquias de Muxía

Os traballos comezaron xa en Senande, Calo, Vilachán, Nemiña, Sorna e Trasufre
Infraestruturas viarias
Redacción WEB
Traballos de mellora dunha das vías municipais de Muxía. Foto: C. M.

Coa chegada do bo tempo e seguindo a recomendación dos profesionais especialistas na materia, o Concello de Muxía puxo en marcha a reparación e reposición do firme en diversas vías do municipio. As intervencións, que deron comezo esta semana, centraranse no selado do firme, así como na drenaxe das grandes fochancas provocadas durante as inclemencias meteorolóxicas do inverno. Ditas melloras serán levadas a cabo durante a época estival e están planificadas para que sexan eficientes e perduren no tempo.

O concelleiro de Obras, Javier Romar asegura que “todos estes traballos son esenciais e unha das prioridades deste equipo de goberno. Nos vindeiros meses levaranse a cabo melloras nas vías e no firme de gran parte do municipio”.

As primeiras intervencións estanse a levar a cabo nas vías afectadas de Senande, Calo, Vilachán, Nemiña, Sorna e Trasufre. Así mesmo, tras os días festivos de Semana Santa continuarán con máis actuacións similares.

“Con todas estas intervencións estamos a atender unha das demandas principais da veciñanza e desde este goberno faremos todo o que esté na nosa man para seguir traballando por Muxía e polas súas xentes”, afirma.